O enfado dos veciños de Calvelo chega ao Congreso

Cerdedo Cotobade
16 de novembro 2017

O deputado socialista, Guillermo Meijón pídelle ao Goberno que explique se acometerá as actuacións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria existentes e que aclare se implementará algunha das solucións propostas polos veciños afectados

Congreso de los Diputados
Congreso de los Diputados /

O deputado socialista pontevedrés Guillermo Meijón rexistrou no Congreso varias iniciativas parlamentarias coas que se fai eco do "alto grao de malestar" que están a provocar as obras da estrada N-541 entre os veciños afectados de Calvelo, na parroquia de Tenorio do Concello de Cerdedo-Cotobade.

Meijón sinala que "os veciños de Calvelo ven como as actuacións na devandita estrada non só non dan resposta ás alegacións presentadas, senón que ademais están a xerar graves problemas de seguridade viaria".

Entre os problemas apuntados polos veciños atópanse: a división dos núcleos de poboación, a carencia de pasos peonís seguros, a presenza de paradas de autobús escolar e de liña regular con escasa protección para os usuarios, a falta de iluminación e o perigoso acceso á N-541 en dirección a Ourense por visibilidade moi reducida.

Con estas iniciativas parlamentarias o deputado socialista pídelle ao Goberno que responda "se estudou as posibles solucións achegadas polos veciños e se pensa implementar algunha delas, e en que prazos".