O Entroido acaba no CEIP de Ponte Sampaio coa celebración do Enterro da Sardiña

Pontevedra
11 de marzo 2019

Todo o alumnado de infantil e profesorado do colexio reuniuse na mañá deste luns para poñer fin ao Entroido co Enterro da Sardiña. 

Enterro da Sardiña no CEIP de Ponte Sampaio CEIP de Ponte Sampaio

O alumnado e profesorado de infantil do colexio de Ponte Sampaio celebrou na mañá deste luns o Enterro da Sardiña

Dende o comezo da celebración do Entroido, transmitíuselle ao alumnado, entre outras cousas, a apreciación desta festividade, incluíndo a visita dunha madama e dun galán do Entroido de Cobres, un dos entroidos máis vistosos e participativos de Galicia, declarado de Interese Turística. Tamén lle ensinaron parte da súa historia e orixe, que se remonta a principios do século XVIII e debe a súa actual vixencia á tradición oral, transmitida de xeración en xeración.

As diferentes actividades tiñan por finalidade a diversión e participación pero tamén a transmisión ás novas xeracións dunha tradición de interés. Para poñer fin á xornada deste ano, de 11:00 a 12:00, o alumnado de infantil celebrou o imprescindible Enterro da Sardiña.

O alumnado, que durante a semana pasada puxeron as súas lambetadas e esforzos na creación dunha sardiña-piñata, celebraron o cortexo fúnebre da súa sardiña polos corredores do colexio. Vestidos de loito, fixeron unha sentida despedida que percorreu a escola e rematou no ximnasio, onde fixeron os prantos e procederon a abrila para desfrutar das delicias que contiña no seu interior.