O Entroido conquista as rúas de Poio cun desfile que superou as expectativas

Poio
19 de febreiro 2023

Grupos, parellas e participantes a título individual encheron este domingo as rúas de Poio, polas que discurriu un multitudinario desfile de Entroido que fixo as delicias do público

Desfile do Entroido de Poio PontevedraViva

O Entroido tamén chegou a Poio. Fíxoo co tradicional desfile de disfraces e carrozas no que houbo unha gran participación en todas as categorías, con grupos, parellas e participantes a título individual integrando a comitiva que percorreu o municipio.

O Galo Fodorico foi un dos grandes protagonistas deste desfile, no que deixado ver por primeira vez o seu disfrace para este ano. O colectivo que o viste, a Asociación Ronsel, quixo poñer o foco na inflación e a subida de prezos.

Este ano o desfile retomou a súa saída desde a Praza da Granxa de Campelo, desde onde a comitiva partiu ata A Seca (San Xoán).

Os membros da Comisión de Cultura encargáronse de puntuar e dar a coñecer aos gañadores das diferentes categorías.

O premio especial "Choqueiro" foi para Bus Parroquial (1º premio), As Lambetadas do Entroido (2º premio) e O Mellor Banco do Mundo (3º premio).

O premio especial de animación foi para Tambo Tentaciones (1º premio), Enterro Real (2º premio) e As Curuxas de Campelo (3º premio).

Na categoría infantil, en individual foi para Optimus Prime (1º premio), Jet Super Wins (2º premio) e O Emérito vai para Sangenjo (3º premio); en parellas, para Os Polos de Lourido van de marcha (1º premio); e en grupos, para Río (1º premio).

Na categoría adulto, en individual os premios foron para León e o seu domador de carozos de millo (1º premio), A Raíña das noces (2º premio) e Casa do Sinda (3º premio); e en parellas, para Reflexo das máscaras do Entroido (1º premio), O Faro e a Mariñeira (2º premio) e Pero... Que jallo é! (3º premio).

En grupos, por último, a orde de premios foi Got Talent (1º premio), Trolls (2º premio), Tambo Tentaciones (3º premio), O Bosque Encantado (4º premio), Poio en Redes (5º premio), Desprotesión Sivil (6º premio), Enterro Real  (7º premio) e Kira's Party (8º premio).