Este venres 25 de febreiro inaugurouse a I Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra na praza de España, dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro. A finalidade da proposta é poñer en valor o potencial culinario da Boa Vila e colaborar á obtención do título de Capital Española da Gastronomía 2023.
O evento permanecerá toda a fin de semana co horario de 11:00 a 20:00 horas, no que as persoas asistentes poderán degustar sobremesas típicas do Entroido da man das dez panadarías que instalaron un posto na feira: Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Stromboli, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado, Anxemí Panadería e Pastelería Artesá, así como un espazo específico da iniciativa Capital Gastro Lab.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, pasouse pola apertura para comprobar en primeira persoa a calidade dos doces. Aproveitou a ocasión para expresar o seu desexo de que as panadarías participantes se beneficien da enorme resposta que adoita dar a cidadanía de Pontevedra cando se inaugura unha feira.
Así mesmo, agradeceu o esforzo das empresas de contratar máis persoal para estes tres días de moito traballo en tempos de pandemia e agarda que se produza un fenómeno coma o do festival gastronómico Mestizaxes. Á súa primeira edición acudiu tanta xente que moitos negocios xa estaban chamando para asistir ao ano seguinte.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.