O primeiro Capital GastroLab' ten dous gañadores: 'O río como prato principal' e 'Spanishbox'

Pontevedra
28 de novembro 2022

O comité de selección decidiu que ambas as propostas son "de alto impacto en diferentes medios", un local e outro internacional, e que ambos merecen a oportunidade de ser impulsados desde estas dúas institucións, polo que finalmente os dous resultaron gañadores nesta primeira edición desta iniciativa. Recibiron axudas de 9.000 euros 

Entrega de premios aos gañadores do Capital GastroLab
Entrega de premios aos gañadores do Capital GastroLab / Mónica Patxot

'O río como prato principal' e 'Spanishbox', os dous proxectos finalistas da aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital GastroLab promovida polo Concello e a Deputación de Pontevedra, recibirán finalmente financiamento público.

O comité de selección decidiu que ambas as propostas son "de alto impacto en diferentes medios", un local e outro internacional, e que ambos proxectos merecen a oportunidade de ser impulsados desde estas dúas institucións, polo que finalmente os dous resultaron gañadores nesta primeira edición desta iniciativa. 

Esta decisión deuse a coñecer este luns no Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra e os seus impulsores, Toño Escudero ('O río como prato principal') e Purificación Alonso ('Spanishbox'), recibiron as axudas de 9.000 euros que implican gañar. 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, Iván Puentes, e o deputado provincial Carlos López Font entregaron os premios aos gañadores nun acto presidido pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e conducido polo xornalista de PontevedraViva Álex Espiño. 

O acto, que coincidiu coa xornada de clausura do I Foro Think Tank de Gastronomía e Sostibilidade. O laboratorio de ideas pechou cunha mesa redonda sobre 'O emprendemento en gastronomía: novos modelos de negocio' na que participaron os responsables das empresas BGreen, Patricia López; Salmoira, Elena Vitoria; Bluscus, Pablo Mariño; e do espazo gastronómico Via Nai, Silvia Massetti e Mercedes Murga. Tamén participou o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE), Jesús Rey.

Estes proxectos foron elixidos de entre os cinco preseleccionados e presentados en abril deste ano a unha mesa de expertos encabezada pola 'madriña' Eva Ballarín. Esta divulgadora gastronómica non puido estar presente por temas de saúde, pero Yoya Blanco anunciou que si estará en Pontevedra en decembro no acto no que se presentarán as conclusións do Think Tank.

Carlos López felicitou ao Concello por estas idea "absolutamente excepcional" e destacou a colaboración entre ambas institucións para incentivar a gastronomía, que "é hoxe unha das caras visibles das cidades", e corresponde ás administracións públicas apoiar a colaboración público privada. 

'O río como prato principal'  pretende impulsar a actividade gastronómica e turística para descubrir a gastronomía da cidade e a beleza do río a través dunha actividade saudable, fomentando o intercambio cultural na cidade a través dun proxecto a medida para o público, baseado na convivencia, compartindo experiencias gastronómicas e turísticas e intereses culturais e históricos desde unha modalidade de deporte urbano ideal para a nosa cidade e difundindo de xeito didáctico a cociña e historia do río Lérez e o respecto co medio ambiente

'Spanishbox' consiste nun servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida española a domicilio con alcance xeográfico ata a Unión Europea e os países do espazo Schengen, sen descartar nun futuro amplialo a outros continentes. O acto serviu para destacar que se trata dun marketplace internacional que "proxecta de maneira magnífica a gastronomía de Galicia e de España".