As Galerías da Oliva non permanecerán alleas este ano á celebración do Entroido pontevedrés. No marco das accións de dinamización deste recinto planificadas desde a concellería de Promoción Económica, celebraranse neste espazo dous obradoiros. Un sobre máscaras e outro relacionado con maquillaxe e tatuaxes de fantasía.
Ambas as actividades están dirixidas a un público infantil e a súa participación será gratuíta.
Os obradoiros realizaranse en horario de tarde os días 17 e 24 de febreiro en dúas quendas: ás 17.30 e ás 19.30 horas.
A concelleira responsable deste departamento, Yoya Blanco, anima a toda a mocidade a "vivir unha estupenda experiencia facendo divertidas actividades de Entroido nas que poderán deseñar máscaras, maquillarse e tatuarse con moita fantasía".
Puntualiza a edila socialista que, se así o desexan, os interesados poderán participar nos dous talleres que son gratuítos e non precisan inscrición previa.