O equipo directivo do IES de Poio acordou a súa dimisión en bloque. A decisión fixérona oficial este mércores 31 de xullo, ás 19.00 horas, en resposta a "constantes agravios" que denuncian nos últimos meses, o último neste mesmo día, cando lles comunicaron que terán dous docentes menos para o vindeiro curso 2024-2025.
A dimisión presentárona ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos, a Dirección territorial de Pontevedra e a Inspección educativa.
Desde o equipo directivo denuncian a "falta constante de atención" ás demandas que se fixeron durante o curso. Así, non se atendeu a petición de financiamento específica permanente para alugueiros do Ciclo Medio de Guía do medio natural e de tempo libre.
Así, o pasado mes de xuño, o alumnado e o profesorado deste curso pediu máis orzamento para estes estudos dado que conta con módulos específicos que teñen que impartirse fóra das instalacións do centro educativo, o que repercute nos orzamentos e en diversos aspectos organizativos e de xestión. Non contan con instalacións para impartir materias como equitación, natación, socorrismo, paddle, ou piragüismo, polo que deben recorrer ao alugueiro de instalacións externas.
Este mércores recibiron unha notificación de ingreso por valor de case 14.000 euros que deben ser usados para pagar as instalacións do primeiro trimestre, pero continúan coa "incerteza" de se se poderá asumir o custo dos dous restantes.
A "gota que colmou o vaso" foi a retirada de dous docentes especialistas de dous módulos de ensinanza moi específica e de alto risco, como son manobras con cordas e itinerarios no medio natural, "sen posibilidade de solicitalos co procedemento que se viña mantendo dende a implantación do ciclo, mediante comisión de servizo".
Para máis "agravio", sinalan que a denegación das comisións foi comunicada de xeito casual a través dunha chamada do centro ao servizo de persoal o día 30 de xullo cando as comisións foron solicitadas o 24 de xuño.
Para o equipo directivo dimisionario, todo isto vai xerar un "descenso notable na calidade da ensinanza", non só para alumnado de ciclo que non contará con profesorado especialista en varios dos seus módulos, senón para o alumnado de todo o centro, que terá que formarse en clases masificadas e sen a penas medidas de atención a diversidade. Iso é algo que o equipo directivo "non está disposto a asumir baixo a súa responsabilidade".
O BNG de Poio denuncia este xoves un "abandono do ensino público" na decisión da Xunta de Galicia de "impoñer" estes recortes.
Dende o BNG consideran unha "clara discriminación con Poio" e a súa responsable, Marga Caldas, denuncia que a situación do alumnado vese "moi prexudicada" con esta decisión que está "poñendo e perigo a impartición do ciclo que xa demandaba máis financiamento".
Esta nova decisión, segundo Marga Caldas, "vai dificultar a continuidade do ciclo". O BNG de Poio acusa o alcalde, Angel Moldes, de ser o "cómplice necesario" da Consellería de Educación nesta "decisión arbitraria" de prescindir do profesorado de Poio a día 31 de xullo e anuncia que levarán a situación ao Pleno de Poio.
Avanzan tamén que "sairemos a rúa se é necesario en defensa do ensino público de Poio".