O 'Equipo Ja' gaña a disputada final do Concurso de Murgas co seu espectáculo 'Canta con Barbie'

Pontevedra
07 de marzo 2014

A agrupación de Campañó impúxose por un só punto de diferenza á murga Os do Val do Lérez. No terceiro e cuarto posto quedaron Amoriños de Bora e os PTV nunha final que volveu abarrotar o auditorio do Pazo da Cultura

Final do Concurso de Murgas 2014
Final do Concurso de Murgas 2014 / Diego Torrado

A gran final do XXIII Concurso de Murgas volveu responder ás expectativas xeradas cun grande éxito de público e de calidade interpretativa por parte das catro murgas que participaron nesta edición. O 'Equipo Ja' logrou vencer co seu espectáculo 'Canta con Barbie' cheo de críticas á familia real, así como aos gobernos de Rajoy e de Lords.

O grupo de Campañó coa súa parodia das bonecas Barbie lograban impoñerse por un só punto á agrupación Os do Val do Lérez que tamén ofreceu un divertido repertorio disfrazados como nadadoras olímpicas. O terceiro e cuarto posto foron para os 'policías locais' de Amoriños de Bora e para o Colón dos PTV. Todos eles reciben premios económicos que van dos 750 euros do cuarto clasificado aos 1.200 do gañador.

Unha vez máis, o auditorio do Pazo viuse desbordado pola presenza de numeroso público que non quixo perderse esta final, á que asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira.

Durante a noite deste venres 7 vai celebrarse a Parodia do Entroido polo centro de Pontevedra

Arquivado en