O equipo pontevedrés de Dragon Boat BCS toma rumbo cara o Campionato de Europa

Pontevedra
01 de setembro 2022

As padeeiras do equipo Dragon Boat pontevedrés, integrado por superviventes de cancro de mama, representarán a España xunto a tripulantes de Valencia e Madrid no Campionato de Europa BCS que se disputará esta fin de semana en Banyols

O equipo de Dragon Boat pontevedrés co concelleiro Tino Fernández e Olga Sotelo, presidenta de Adicam
O equipo de Dragon Boat pontevedrés co concelleiro Tino Fernández e Olga Sotelo, presidenta de Adicam / Mónica Patxot

Tras acadar unha medalla de bronce na Copa de España de Dragon Boat celebrada no Pontillón do Castro (Verducido) o pasado mes de xuño e de colleitar unha medalla de prata no campionato que tivo lugar recentemente en Asturias, as padeeiras do equipo Dragon Boat pontevedrés representarán a España no Campionato de Europa BCS (Breast Cancer Survivors, en galego, superviventes de cancro de mama) esta primeira fin de semana de setembro.

Será na localidade catalá de Banyols nunha embarcación de dez plazas na que navegarán cinco integrantes do equipo pontevedrés, pertencentes á Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam) e adestradas pola Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, na compaña de dúas tripulantes de Valencia e dúas de Madrid, todas elas pacientes de cancro de mama.

Antes de saír cara a Girona, todo o equipo participou este xoves na Sala de Comisións do Concello de Pontevedra nunha recepción do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, á que acudiron ataviadas coa súa indumentaria de cor rosa e as novas pas patrocinadas polo Concello e na que estiveron acompañadas pola presidenta de Adicam, Olga Sotelo, e a traballadora social do colectivo María Martínez. O edil socialista felicitounas "pola súa forza e ilusión e polo que representan e son espello para o resto da poboación da nosa cidade e de todo o Estado".
 
"Trátase non só de facer deporte, senón de visibilizar os beneficios que reportan o deporte e a vida saudable... Son un exemplo que agardemos que se convertan en semente para que este tipo de iniciativas e actividades frutifiquen en Pontevedra. Hai que agradecerlle a Adicam este inmenso labor que están a facer e á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra todo o seu apoio", manifestaba Tino Fernández.

Segundo explicou Raquel Juncal, unha das compoñentes do equipo, o Dragon Boat español competirá con outras cinco embarcacións de BCS, participando o sábado 3 de setembro en tres saídas de 200 metros e o domingo noutras tres de 500 metros, entre as 14:00 e as 17:00 horas.

BENEFICIOS DA PRÁCTICA DO DRAGON BOAT

O Dragon Boat é un deporte náutico de orixe asiática con máis de 2000 anos de antigüidade. Hai 25 anos que se empezaron a formar equipos de superviventes de cancro de mama polos beneficios tanto físicos como psicolóxicos e sociais desta práctica, que se adapta a calquera forma física ou idade. Na actualidade, contabilízanse máis de 400 equipos e 9000 padeeiros que padeceron cancro de mama distribuídos ao redor do mundo.

Isabel Lema, tripulante do Dragon Boat BCS, asegura que este equipo converteuse "nunha verdadeira familia" e animou a aquelas persoas que non probaran esta modalidade "a que veñan e comproben con nós a mellora psicolóxica e física para a linfe e a mente de todas as persoas que están pasando ou pasaron o cancro de mama". Tal e como sinalou, "non podemos estar máis orgullosas co resultado das competicións, xa que estamos nunha mellora constante: coas de Valencia que competiron con nós en Verducido, case acababamos de saír cando elas xa estaban na meta, e sen embargo en Asturias leváronnos só medio barco e quedaron alucinadas".

Os efectos do Dragon Boat sobre o estado de saúde física e mental destas mulleres son rotundos. Isabel Lema afirmou que "cando entrei non podía nin camiñar e estaba psicoloxicamente nun pozo, e agora son outra persoa, síntome con gañas de vivir e de saír e non teño palabras de agradecemento tanto para o club como para Adicam".

Para a súa compañeira, Isabel Millán, este equipo supón "un xeito de amosar que o deporte é positivo para calquera tipo de cancro, activando endorfinas, permitindo coñecer xente e saír, xa que esta enfermidade ten unha parte moi psicolóxica". Na súa opinión, elas son "a viva imaxe de que non hai que quedar na casa, de que o cancro non é o final e de que hai moitísimas cousa que facer, aínda que esteas con tratamento de quimio, pastilla ou radio".