O 'equipo rescate hostalería' que saía esta semana de Pontevedra con destino a Madrid continúa o seu periplo non exento de dificultades pola meteoroloxía adversa e polas secuelas das horas diarias de andaina. A pesar de todo, van cumprindo coa planificación e na xornada deste pasado xoves 10 chegaron a Verín.
Do mesmo xeito que nas xornadas anteriores, estes hostaleiros seguen recibindo en cada municipio apoio social, político e do propio sector. Ánimos que lles insuflan forzas para seguir co seu obxectivo. Exemplo desta solidariedade no camiño foi Carlos García Gómez, da empresa Acar Operadora, quen lles acompañou camiñando durante a xornada do xoves. En Verín foron recibidos polo alcalde socialista Gerardo Seoane e por representantes da Asociación de Hostaleiros de Verín. Neste municipio ourensán recibiron unha cea e almorzo solidario.
Este venres 11 o traxecto comezou ás sete da mañá con destino A Gudiña. A primeiras horas da tarde eran recibidos tamén polo alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga Romero, e igualmente por unha representación da hostalería local. Ambas as partes encargáronse duns petiscos e encher termos antes de que continuasen camiño.
Na noite deste venres descansarán na Gudiña, onde unha vez máis serán recibidos por unha representación municipal e da hostalería. Entrados na fin de semana, este sábado 12 sairán de Galicia e entrarán en terras da provincia de Zamora. En Puebla de Sanabria está confirmado un encontro con responsables dese Concello e interlocutores hostaleiros que poñerán á súa disposición e gratuitamente fisioterapeutas para aliviar as secuelas de tantos quilómetros.