O escrache ao alcalde por ENCE acaba nos xulgados

Pontevedra
16 de marzo 2021

O atestado da Policía Local redactado por mor desta protesta, na que foron identificadas as 13 persoas que se encerraron no edificio do Concello, entre eles o secretario de organización de CC.OO, José Luis García Pedrosa, foi remitido aos xulgados

Peche de persoal de Ence no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

O escrache ao alcalde por parte de traballadores de Ence e sindicalistas de Comisións Obreiras, que comezou cun peche no edificio administrativo de Michelena 30, será investigado pola xustiza. Así o confirmaron este mércores fontes municipais.

O atestado da Policía Local redactado por mor desta protesta, na que foron identificadas as 13 persoas que se encerraron no edificio do Concello, entre eles o secretario de organización de CC.OO, José Luis García Pedrosa, foi remitido aos xulgados.

A través das correspondentes dilixencias de investigación, a xustiza deberá aclarar se os impulsores esta protesta puideron cometer algún delito.

Este episodio, que o goberno municipal vinculou con instrucións desde Ence e desde o PP, será debatido tamén no próximo pleno da corporación, previsto para o 22 de marzo.

Será a través de ata tres mocións diferentes nas que se abordará a situación actual da fábrica que a compañía pasteira ten en Pontevedra.

Nunha delas, BNG e PSOE reclaman que a corporación condene "enerxicamente" o "matonismo" e a "violencia" despregada polos representantes de Ence "dirixidos" polo PP e polo conselleiro delegado da empresa, Ignacio de Colmenares.

Sobre este último, ademais, propoñen que sexa declarado persoa non grata en Pontevedra.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que "nos últimos tempos" se reactivara a campaña de "chantaxes, agresións e presión social" de Ence para lograr "perpetuarse" na súa actual localización na ría de Pontevedra.

"Ence sempre dixo que lle é máis fácil cambiar a opinión pública mediante a compra de vontades que cambiar de sitio", sinalou Fernández Lores, que entende que Colmenares merece, igual que Rajoy no seu día, "o rexeitamento da sociedade de Pontevedra".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora