O Espazo Concilia de Poio vive unha xornada ao aire libre no Pazo de Besada

Poio
19 de agosto 2021

Con todas as medidas de sanitarias e de seguridade e divididos en diferentes grupos de 10, os nenos e nenas partiron das instalacións do CEIP Viñas, onde se celebra o Espazo Concilia, ata os exteriores do Pazo, acompañados polos monitores e por integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio

Actividade ao aire libre na Finca Besada dos participantes no Espazo Concilia de Poio
Actividade ao aire libre na Finca Besada dos participantes no Espazo Concilia de Poio / Concello de Poio

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, participou na mañá deste xoves nunha das excursións que realizan os nenos participantes no Espazo Concilia, a iniciativa impulsada desde este departamento municipal co obxectivo de ofrecer á veciñanza un espazo de lecer para fomentar a conciliación familiar e laboral, reforzando entre a rapazada valores como a igualdade de xénero e a prevención da violencia, entre outros.

Nesta ocasión, a saída ao aire libre transcorreu nos exteriores do Pazo de Besada, na parroquia de San Salvador. Con todas as medidas de sanitarias e de seguridade e divididos en diferentes grupos de 10, os nenos e nenas partiron das instalacións do CEIP Viñas, onde se celebra o Espazo Concilia, ata o Pazo, acompañados polos monitores e por integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio.

Unha vez chegados á Finca de Besada, tiveron ocasión de participar en diferentes xogos como actividades de expresión corporal, xogos de auga e tomar parte en talleres sobre medio ambiente.

O Espazo Concilia iniciouse o pasado mes de xullo ofertando 90 prazas e, segundo indicou a titular de Igualdade, "neste verán tivemos moita demanda de inscricións". Este programa continuará ata principios de setembro, co comezo do curso escolar.