O estacionamento de Mollavao seguirá pechado dúas semanas para asentar o novo firme

Pontevedra
30 de setembro 2021

"Entre dez e quince días". Ese é o tempo que, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, seguirá pechado o estacionamento disuasorio de Mollavao para que poida asentarse o novo firme co que se renovou toda esta parcela

O estacionamento disuasorio de Mollavao tras a renovación da parcela Mónica Patxot

"Entre dez e quince días". Ese é o tempo que, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, seguirá pechado o estacionamento disuasorio de Mollavao para que poida asentarse o novo firme co que se renovou toda esta parcela.

O obxectivo é o que os materiais poidan "calar perfectamente", engadiu o concelleiro do BNG, para que este firme teña "moita máis durabilidade".

Esta obra tivo un custo duns 48.000 euros e foi executada por EC Casas.

Desde o Concello recoñecen que foi unha actuación "complexa" tanto pola súa execución como pola necesidade de poñer de acordo a dúas administracións "con ritmos diferentes", a municipal e o servizo de Costas.

Precisamente de Costas depende a tramitación pendente para poder licitar a construción do novo vial que unirá a avenida de Marín e Rosalía de Castro.

A única alegación presentada ao proxecto, formulada polo Colexio de Arquitectos, foi rexeitada e tan só resta que Costas ratifique o seu informe e autorice a intervención.