O Exército incorpórase ao dispositivo de vixiancia do monte e a Xunta asegura que serán "implacables" cos incendiarios

Pontevedra
14 de agosto 2020

Unha acción ilegal que se pon de manifesto cos últimos datos sobre a "nocturnidade" e a existencia de "varios focos simultáneos" na metade dos lumes rexistrados en Galicia no último mes. "Isto amosa claros indicios de intencionalidade", remarcou o conselleiro, ao igual que o feito de que os incendios se declararan en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte

Operación Centinela Gallego
Operación Centinela Gallego

O Exército incorporouse este venres ao dispositivo de vixiancia do monte co despregue das patrullas da Brigada Galicia VII (Brilat) e do Tercio Norte de Infanteria de Marina que forman parte da operación Centinela Gallego 20 que foi presentada este venres na Base Militar General Morillo nun acto no que o conselleiro de Medio Rural en funcións, José González Vázquez asegurou que serán "implacables" cos incendiarios.

José González insistiu en que "imos seguir sendo contundentes na loita contra os delincuentes que poñen en risco os nosos montes e, sobre todo, as persoas" e reiterou que a vixilancia e a disuasión constitúen unha "prioridade" de cara a reducir a actividade incendiaria intencionada. 

Unha acción ilegal que se pon de manifesto cos últimos datos sobre a "nocturnidade" e a existencia de "varios focos simultáneos" na metade dos lumes rexistrados en Galicia no último mes. "Isto amosa claros indicios de intencionalidade", remarcou o conselleiro, ao igual que o feito de que os incendios se declararan en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, informou que case medio millar de militares participarán este ano na operación antincendios que se desenvolverá do 15 de agosto ao 30 de setembro en todo o territorio autonómico, de acordo ao subscrito no convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia e que "evidencia a estreita participación do Goberno de España coa Xunta de Galicia na loita contra o lume e na vixilancia dos montes".

O xeneral xefe da Brilat, Luis Cortes Delgado indicou que as Forzas Armadas trasladarán 27 patrullas terrestres, que se elevarán até 50 e un helicóptero de vixilancia nos momentos de risco alto, e até 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia nas situacións de risco moi alto.

Participan no operativo uns 460 militares para tarefas de prevención, alerta, extinción ou investigación.

Ademais, a Dirección Xeral de Protección coordina o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME), poñendo a disposición da comunidade autónoma seis seccións na súa base de León e situando medio centenar de persoas e diversos vehículos na base Xeneral Morillo en Figueirido (Pontevedra), entre o 1 de agosto e o 30 de setembro.