O "exitazo" de Carmela Silva

Pontevedra
28 de outubro 2016

Co financiamento do Plan Concellos os distintos gobernos locais da provincia realizaron 400 obras cun investimento de máis de 30 millóns de euros

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou como todo un "exitazo" o balance do Plan Concellos 2016.

Grazas ao financiamento do plan realizáronse 383 obras na provincia de Pontevedra cun investimento de preto de 30 millóns de euros.

Carmela Silva destacou que estes fondos permitiron a todos os concellos da provincia facer fronte á prestación de servizos á cidadanía.

Unha das liñas do Plan destinada á contratación de traballadores xerou 1.160 empregos en 59 concellos.

"O Plan Concellos ten permitido que todas as vilas da provincia poidan facer fronte á prestación de servizos e á garantía de dereitos, cousa que os datos visualizan con moita claridade", asegurou a presidenta provincial antes de resaltar as cifras acadadas polo plan de cooperación municipal que atendeu a 60 concellos, todos os da provincia (contando por separado Cerdedo e Cotobade, cuxa fusión foi efectiva tras o remate do Plan Concellos) agás as cidades de Pontevedra e Vigo, que contan con convenios específicos.

Carmela Silva engadiu que "estamos moi satisfeitos e satisfeitas co Plan Concellos porque é un plan racional, ben feito, transparente, que permite que os concellos tomen as decisións e polo tanto as obras se fagan como se teñen que facer, a diferenza de se facían antes: por libre disposición e cunha xestión desastrosa chea de modificados con cartos".