O éxito da campaña de recollida de xoguetes de '365 Sorrisos' terá continuidade con novas iniciativas

Pontevedra
31 de decembro 2014

Máis de 350 xoguetes atópanse nas instalacións coas que conta o colectivo para agora asignar os lotes destinados a cada neno e que serán recollidos polos pais durante os días 2, 3 e 5 de xaneiro

Integrantes de 365 Sorrisos no local onde teñen os xoguetes PontevedraViva

O local da Asociación '365 Sorrisos' situado na praza Valentín García Escudero encóntrase repleto de xoguetes e os integrantes do colectivo intentan organizarse para crear os lotes de xoguetes que recibirá cada un dos nenos que forma parte da campaña Tira do lazo.

A iniciativa resultou un éxito, segundo afirma Patricia González, unha das responsables de 365 Sorrisos, e a proposta levou a que algúns dos "cómplices" participantes comprou todo o que o neno pedía na súa carta de Reis. Outro integrante do colectivo indica que se chegaron a desestimar ata cinco bolsas de gran tamaño de xoguetes que se encontraban en malas condicións.

Desta forma, cada neno contará con todo o seu lote de xoguetes comprados polo seu cómplice ademais dos usados cos que se enchen os lotes. Agora, o colectivo organizador está a traballar en que todo se desenvolva de xeito perfecto para a recollida dos lotes de maneira que, a partir do día 2, as familias acudan a través dos Servizos Sociais, a recibir o material entregado. Os días de entrega estabécense os 2, 3 e 5 de xaneiro de 2015.

A grande acollida da proposta permitiu a María Rey, a presidenta da Asociación 365 Sorrisos, estudar a posibilidade de desenvolver novas campañas como unha de recollida de roupa pero, segundo indica Patricia González, aínda non se estableceu unha data nin se concretou unha iniciativa.

"Polo momento", sinala Patricia, "temos que chegar vivos ao día 5 e logo, xa veremos", indica a integrante ante a carga de traballo derivada dos numerosos xoguetes que teñen nas instalacións aos que se suman suadoiros, pantalóns e todo tipo de roupa que tamén foi solicitada polos nenos nesta campaña que, se non se producen sorpresas, terá a súa continuidade no Nadal de 2015, segundo indican dende 365 Sorrisos.