Ata o domingo 25 de agosto, todas as persoas que residan ou visiten Sanxenxo terán a oportunidade de mercar o mellor da artesanía galega a través de 21 postos instalados na feira 'O feito a man'.
A cita inaugurouse este sábado coa participación da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e dos concelleiros de Turismo e Facenda de Sanxenxo, Juan Diez e Paula Martínez.
Esta feira chegou este ano á súa terceira edición e estará aberta na Praza de Fonte de Ramos en horario de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 24.00 horas.
Na edición deste ano participan 21 expositores en total en diferentes quendas, dos cales oito son profesionais da marca Artesanía de Galicia especializados en cerámica, cantería, instrumentos musicais, coiro, manipulado de papel, xoiaría e complementos de moda.
Durante toda a feira poderase ver o traballo de Artesanía en pedra Alejandro Fernández (Pontevedra), Otero Regal Ceramista (Viveiro) e Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela).
Ata o 13 de agosto poderanse atopar as pezas de Dona Formiguinha (A Estrada), Joyas de papel (Nigrán) e Sonia Arnaiz (Santiago de Compostela); e do 14 ao 25 de agosto estarán os obradoiros El 8 es nuestro (Santiago de Compostela) e Paseloqpase (Ribadumia).
Elena Fabeiro destacou o apoio da Xunta a este tipo de eventos de comercialización directa do produto artesán galego e de visibilización da marca Artesanía de Galicia. Esta feira está organizada pola Asociación Galega de Artesáns e polo Concello de Sanxenxo, co apoio da Xunta.