O Foro da Familia ve "dobre moral" do PSOE na pancarta do aborto e "usurpación de edificios públicos"

Pontevedra
08 de marzo 2014

O presidente do colectivo, Luis Martín Pereira, valora que "a usurpación e instrumentalización dos edificios públicos por parte dalgunhas corporacións municipais para adoutrinar nunha ideoloxía particular é un claro síntoma de totalitarismo antidemocrático, que polo tanto rexeitamos"

Pancarta en favor do aborto libre despregada no Concello de Pontevedra
Pancarta en favor do aborto libre despregada no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

A pancarta 'Polo dereito das mulleres a decidir: aborto libre e gratuito' colgada en xaneiro no balcón da Casa Consistorial da Praza de España segue xerando polémica un mes e medio despois. Este sábado volveu traela a conto o Foro Galego da Familia, que xa no seu día esixira ao Concello de Pontevedra a súa retirada, e agora denuncia que a súa instalación é "unha usurpación dos edificios públicos".

O Foro Galego da Familia volveu referirse á pancarta para criticar, neste caso, ao grupo municipal do PSdeG-PSOE, que forma parte do Goberno bipartito. "Non é aceptable a dobre moral que supón dicir unha cousa en Madrid e outra en Galicia", di a través dun comunicado de prensa no que se refire a todos os concellos galegos nos que se instalaron este tipo de pancartas e cita, en particular, ao de Pontevedra.

En concreto, o Foro Galego da Familia refírese á proposición non de lei presentada polos socialistas no Congreso dos Deputados na que se se sostén "...que os símbolos e monumentos públicos han de ser ocasión de encontro e non de enfrontamento, ofensa ou agravio". Ao seu entender, esta actitude supón unha "contradición" coa colocación de pancartas a favor do aborto.

"Os cidadáns non podemos asistir impertérritos ante a dobre moral que demostran algúns partidos como o PSOE coa súa actitude contraditoria, segundo se manifesten en Galicia ou en Madrid, á hora de defender nun sitio e rexeitar noutro o uso das institucións públicas cun criterio tan arbitrario como é a propia ideoloxía", recolle o comunicado.

En opinión do Foro Galego da Familia, "a usurpación e instrumentalización dos edificios públicos por parte dalgunhas corporacións municipais para adoutrinar nunha ideoloxía particular, é un claro síntoma de totalitarismo antidemocrático, que polo tanto rexeitamos,".

O seu presidente, Luis Martín Pereira, diríxese aos partidos políticos en xeral para indicarlles que "os cidadáns galegos merecemos o respecto de todas as institucións e partidos políticos" e engadir que "a demagoxia sempre é inadmisible, pero máis cando falamos do dereito á vida".

"Os cidadáns galegos sentímonos ofendidos e agraviados, e cremos, que a colocación desas pancartas nos edificios públicos dos nosos concellos non contribúen precisamente á paz social", conclúe.