O Foro Iberoamericano de Cidades invita a Pontevedra a contar a súa experiencia coa peonalización

Pontevedra
02 de maio 2023

A mesa redonda de Urbanismo para a que foi solicitada a presencia de representantes do Concello celebrarase entre o 28 e o 30 de xuño

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta da chegada á Alcaldía do Concello de Pontevedra dunha invitación oficial para participar nunha mesa sobre Urbanismo no Foro Iberoamericano de Cidades, que se celebrará entre o 28 e o 30 de xuño na cidade de Querétaro, México.

O convite chega por parte do Instituto ICEX España Exportación e Inversiones, dentro do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. 

Anabel Gulías informou que "de xeito expreso nos convidan para falar do modelo de cidade, da transformación urbana e máis concretamente nas accións iniciadas no centro histórico, pois consideran que é un exemplo ‘inspirador’ e que pode ter certas solicitudes co que está a acontecer en Querétaro".

A edil sinalou que Querétaro esta considerada como unha das cidades con maior crecemento do país e "quere centrar o seu modelo de xestión e deseño dos espazos públicos traballando no centro histórico como base, un espello do que pode aproveitar a totalidade da poboación". 

O Foro Iberonamericano de Cidades conta con máis de 100 expertos internacionais e máis de 200 empresas, tanto de México como do Estado Español. 

"Que o ICEX se interesase por Pontevedra é un aval importante ao traballo desenvolvido e unha nova oportunidade para a promoción internacional da cidade e, por suposto, unha oportunidade de intercambiar experiencias con expertos na materia", dixo a voceira municipal. 

Os gastos de transporte e aloxamento estarían cubertos polo ICEX.