Consolidar A Reiboa como unha área deportiva e de lecer multidisciplinar. Ese é o obxectivo que se marcou o Concello de Poio. Para iso, aos traballos que se están a facer para dotar ao ámbito do campo de fútbol dun circuíto habilitado para ciclismo, sumarase outra actuación.
A edil de Deportes, Marga Caldas, adiantou que o novo circuíto incluirá o tratamento de toda a súa superficie para que poida acoller adestramentos de atletismo.
A intención do Concello é celebrar un acto de inauguración das renovadas instalacións unha vez conclúan os traballos de posta a punto para a zona de ciclismo e atletismo, que son tarefas que "dan resposta" ás peticións dos clubs do municipio.
Este circuíto súmase ao proxecto para a substitución do céspede sintético do campo de fútbol por un de última xeración, homologado pola FIFA para acoller competicións oficiais.
Foi unha actuación que contou cun orzamento duns 200.000 euros e que tamén incluíu a renovación de material como porterías e bandeirolas, así como a renovación e arranxo do sistema de drenaxe, co obxectivo de evitar acumulacións de auga en épocas de chuvia.