O Gafos e o rego de Valdecorvos, libres duns 125 quilos de refugallos

Pontevedra
26 de setembro 2022

Case medio cento de persoas participaron este domingo na décimo quinta edición da limpeza simultánea de ríos coordinada pola asociación ecoloxista ADEGA en 41 concellos galegos. No caso de Pontevedra foi no río Gafos e o rego de Valdecorvos

Limpeza simultánea de ríos en Pontevedra
Limpeza simultánea de ríos en Pontevedra / Vaipolorío

Case medio cento de persoas participaron este domingo na décimo quinta edición da limpeza simultánea de ríos coordinada pola asociación ecoloxista ADEGA.

Foron 41 os concellos galegos nos que se desenvolveu esta actividade, que no caso de Pontevedra tivo como escenario o río Gafos e o rego de Valdecorvos.

Os 47 voluntarios repartíronse entre as dúas áreas fluviais co obxectivo de coidar os ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Así, pola canle do Gafos traballaron membros da asociación Vaipolorío, a Fundación Juan XIII e PACMA, que retiraron 75 quilos de refugallos, mentres que outros 50 quilos foron retirados pola asociación O Quilombo no rego de Valdecorvos.

No caso concreto do tramo urbano do Gafos, desde Vaipolorío apuntan que grazas ás limpezas realizadas polo voluntariado cada ano a cantidade de residuos vaise reducindo.

Aínda así, seguen chegando centos de envases de plástico, cabichas ou envoltorios de papel de cadeas de comida rápida, que foron os elementos que máis sacaron do río.