O Ganapán desta fin de semana será o máis reposteiro

Pontevedra
16 de febreiro 2022

O programa de lecer infantil impulsado no Mercado de Abastos comeza a quecer o seu forno para elaborar biscoitos 'nubes de queixo' e napolitanas de chocolate esta fin de semana

Actividades do Ganapán
Actividades do Ganapán / Concello de Pontevedra

Os talleres deseñados por O Ganapán, o programa de lecer infantil impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, seguen a satisfacer os desexos dos rapaces máis larpeiros. Así, os obradoiros previstos no Espazo Gastro inclúen a elaboración de esponxosos biscoitos 'nube de queixo', o sábado 19 de febreiro, e a preparación dunhas irresistibles napolitanas de chocolate ideais para merendar na casa, o domingo 20 de febreiro.

Estes talleres culinarios complementaranse cos do Espazo Crea, nos que os nenos participantes terán ocasión de confeccionar unhas simpáticas eirugas (sábado 19) e un boneco inchable elaborado cunha luva con ollos, que desinchará e inchará soprando por unha palliña (domingo 20). 

Tanto os obradoiros de cociña como os de manualidades están destinados a rapaces de 4 a 10 anos e desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.

Todos aqueles nenos que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do email [email protected] ata as 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades. Recoméndase portar friameira para levar a casa as receitas cociñadas.