O Ganapán propón receitas de biscoito e ‘mousse’ e a confección de farois e piñatas para esta fin de semana

Pontevedra
25 de maio 2021

As actividades, destinadas ao público infantil con idades dos 4 aos 10 anos, desenvolveranse o sábado 29 e o domingo 30 de maio en dúas sesións: ás 11:00 e ás 12:30 horas no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra na rúa Serra

Taller de O Ganapán celebrado no Mercado de Abastos
Taller de O Ganapán celebrado no Mercado de Abastos / Concello de Pontevedra

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e destinado ao público infantil con idades dos 4 aos 10 anos, propón para esta última fin de semana de maio talleres de cociña e creatividade.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, avanza en que van consistir este talleres. "Os nenos que participen no Espazo Gastro do Ganapán este sábado 29 de maio terán a oportunidade de elaborar un biscoito saudable, sen glute, e moi esponxoso, cunhas ricas mazás e un pouco de maña, un doce que poderán comer a calquera hora do día: almorzo, sobremesa, merenda…", explicaba a edil socialista, ao tempo que engadía que "nesa mesma mañá, dentro do Espazo Crea, levarase a cabo un obradoiro no que se reciclarán rolos de papel hixiénico para crear piñatas de cores, ideais para gardar caramelos e doces".

Para a xornada do domingo 30 de maio, o taller de cociña estará dedicado á preparación dunha ‘mousse’ con mango. Na parte de manualidades, a partir da reutilización duns cartóns de leite os pequenos confeccionarán uns faroliños de man para alumear as noites.

Para as actividades de cociña, desde o Concello lémbrase que os participantes deben traer a súa friameira para levar a casa as súas creacións.

Todos aqueles interesados en participar deberán reservar previamente a súa praza a través do email [email protected], pechándose as inscricións ás 16:00 horas da xornada anterior á celebración das actividades, que se desenvolverán, tanto o sábado 29 como o domingo 30 de maio, en dúas sesións: ás 11:00 e ás 12:30 horas no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra na rúa Serra.