O GES do Grove contará con seis traballadores

O Salnés
19 de outubro 2021

 O Goberno galego proporá mañá ás deputacións provinciais e á Fegamp no marco da Comisión de Seguimento dos GES aumentar o persoal para que tódolos grupos da comunidade conten con 12 integrantes, o que suporía a contratación de 36 persoas para completar os GES que ata agora tiñan 6, 9 ou 10 membros
 

Vista aérea do Grove Turismo Rías Baixas

A Xunta proporá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a creación dun Subgrupo de Emerxencias Supramunicipais (subGES) no Concello do Grove dotado con seis efectivos e que atendería as incidencias desta zona peninsular da comarca do Salnés.

Ademais, tamén pretende aumentar o persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 36 persoas máis para distribuír entre 11 grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.  Outra das propostas está relacionada co aumento do custo dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia, entre eles o de Sanxenxo.

Ademais, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos no 2013.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia. 

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións terían que destinar 1,1 millóns, e entre os concellos 220.875 euros por ano.

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais, aos que se engadiría o subgrupo do GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.