O Goberno aposta por dous proxectos pontevedreses para mellorar o cultivo do millo

Pontevedra
22 de outubro 2014

O centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na parroquia pontevedresa de Salcedo está a comezar a traballar en dous proxectos para os que captaron financiamento nas convocatorias públicas competitivas do Plan Estatal de Investigación 2013-2016

Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia
Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia

O centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na parroquia pontevedresa de Salcedo está a comezar a traballar en dous proxectos para os que captaron financiamento nas convocatorias públicas competitivas do Plan Estatal de Investigación 2013-2016.

Nestas semanas, precisamente, estanse a celebrar xa as primeiras reunións de traballo co resto de entidades participantes en cada proxecto, co fin de concretar as fases e as tarefas de cada investigación.

O primeiro dos proxectos da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra é a "mellora xenética de millo para usos con maior valor engadido", financiado con 217.000 euros e cuxos investigadores principais son Amando Ordás Pérez e Pedro Revilla Temiño.

Contempla realizar estudos xenéticos de millo en programas de mellora de poboacións exóticas e de selección a longo prazo, desenvolver materiais e metodoloxía para mellorar o cultivo para usos alternativos con maior valor engadido, e avanzar nos coñecementos para a mellora xenética do millo aumentando a súa eficiencia no uso do nitróxeno e a súa tolerancia a estreses os por frío, seca e malas herbas.

Todo iso co fin último de avanzar cara á obtención de novas variedades e híbridos de millo máis saudables para o consumidor, ecolóxicas e rendibles para os agricultores ao presentar un maior valor engadido de cara á súa venda e requirir unha menor achega de insumos durante o cultivo.

Por outra parte, están a desenvolver o "Banco de xermoplasma de millo da MBG", financiado con 45.000 euros e cuxo investigador principal é Amando Ordás Pérez. O obxectivo é manter a colección de millo da Misión Biolóxica, que inclúe antigas variedades locais, actualmente desaparecidas do cultivo, procedentes de toda España.