O goberno de Poio tamén se sente discriminado pola TVG

Poio
24 de xullo 2013

As portavoces do BNG e do PSOE no concello de Poio presentan unha moción na que denuncian o que consideran unha campaña de manipulación da TVG en relación co municipio. Reclaman ao presidente da Xunta de Galicia e á dirección do ente público unha cobertura obxectiva, real e dotada de medios. Deste xeito, coinciden co que se reclamou no pleno de xullo en Pontevedra

Concello de Poio
Concello de Poio / PontevedraViva

Este martes 23, o pleno de Pontevedra denunciaba o tratamento que a Televisión de Galicia (TVG) daba á cidade nos seus informativos e declaraban "hostil e partidario" ao ente público. Un día máis tarde, as portavoces do BNG e do PSOE en Poio, Silvia Díaz e Chelo Besada, presentaron unha moción no rexistro municipal para tratar no pleno da corporación do próximo martes 30. Nesta moción denúnciase "a campaña de manipulación da TVG en relación co noso concello e para exixir do presidente da Xunta de Galiza e da dirección do ente público, unha cobertura dá realidade obxectiva, real, veraz e dotada de medios,".

As voceiras consideran que na TVG oculta denuncias sobre os recortes sociais ou as estafas que padecen os cidadáns e, non obstante, as informacións que emiten sobre o concello de Poio son sempre negativas, "baixo unha obsesión por roubos, asaltos ou incendios en galpóns, que crean unha imaxe irreal distraendo a atención de problemas como a fraude, ou roubo dá banca ou ou desemprego,".

Ambas as dúas concelleiras indican que a televisión autonómica non ofrece información sobre a "corrupción que asola o PP" en contraste co resto de televisións e xornais.

Ante esta situación, pedirán ao pleno que declare á TVG como "un medio de comunicación partidista e falseador da realidade galega". Se é aprobada a moción, o acordo será enviado ao presidente da Xunta e á dirección e ao consello asesor da CRTVG.