A TVG non "tomará ningunha medida" para dar máis cobertura informativa ao concello de Pontevedra

Pontevedra
28 de marzo 2014

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, respondeu á pregunta da deputada do BNG, Montse Prado, que denunciou o tratamento "partidista e manipulador" por parte do ente público

Concentración polo peche da delegación da CRTVG en Pontevedra en 2010
Concentración polo peche da delegación da CRTVG en Pontevedra en 2010 / Diego Torrado

A deputada do BNG, Montse Prado, preguntou durante este venres 28 na comisión de control da CRTVG polo tratamento informativo que a TVG ofrece sobre o concello de Pontevedra. Segundo a deputada se ofrece unha visión "partidista e manipuladora" dende que a finais de 2010, a TVG pechou a delegación en Pontevedra na que traballaban 25 profesionais, dos que 12 foron despedidos e 13 trasladados á cidade de Vigo.

O goberno local de Pontevedra aprobou en pleno de xullo de 2013 considerar a TVG como "medio de comunicación partidista e hostil" co municipio. E a deputada do BNG preguntou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que actuacións emprendera tras recibir este acordo plenario.

Sánchez Izquierdo respondeu que non se tomará ningunha medida porque o "déficit informativo do concello" está ponderado co resto da provincia.

Montse Prado replicou que se están "ninguneando" as actividades municipais e remarcou que cando sae algunha é "disfrazada de prensa rosa". E denunciou a falta "sistemática" de entrevistas ao "alcalde de Pontevedra e os concelleiros". A deputada indicou que a manifestación do Sergas non fora recollida na TVG, ao igual que os premios concedidos por entidades europeas e estatais ao concello pontevedrés polos seus plans de mobilidade urbana.

Pontevedra é a única capital galega sen delegación da TVG.