O pleno aproba por unanimidade instar á Xunta a reabrir a delegación da Radio Televisión de Galicia

Pontevedra
01 de xullo 2016

Todos os grupos aprobaron solicitar á administración autonómica que a corporación pública da CRTVG reabra a delegación que pechou no ano 2010 despedindo 12 traballadores e trasladando o resto do persoal a Vigo

Concentración ante a Delegación da CRTVG en Pontevedra en 2010
Concentración ante a Delegación da CRTVG en Pontevedra en 2010 / Diego Torrado

O pleno da corporación aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia para que reabra a delegación da CRTVG, que a administración autonómica pechou en 2010.

A moción presentada polo BNG, a través do seu concelleiro Luís Bará, destacaba a falta de cobertura de actos relevantes na comarca por parte da Radio e Televisión pública de Galicia sinalando que esa decisión está a causar un prexuízo á cidade. Na moción indicábase que este peche supuxo o despedimento de 12 de traballadores e o traslado do resto á delegación que a CRTVG ten en Vigo.

Con motivo da rehabilitación do antigo edificio da Xunta de Galicia, en Benito Corbal, os distintos partidos entenden que sería unha boa oportunidade establecer nestas instalacións a delegación sempre que a Xunta de Galicia acepte esta demanda. Ademais, sinalaron que esta apertura supoñería tamén a creación de postos de traballo.

O Partido Popular tamén voto a favor da moción aínda que sinalou que o peche da delegación de Pontevedra estaba relacionado coa creación da área metropolitana de Vigo e convidou o alcalde a financiar a creación desa delegación na cidade.