O goberno local dálle carpetazo definitivo ás mocións sobre Raíña Vitoria e as vías sanitarias

Pontevedra
20 de outubro 2023

A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, lamenta que os propoñentes, "que eran perfectamente coñecedores de cal é a situación e que non había percorrido ningún para estas moción", tomasen a decisión de "obstaculizar e enredar ao funcionariado municipal en facer informe tras informe"

Eva Vilaverde comparece en rolda de prensa
Eva Vilaverde comparece en rolda de prensa / Concello de Pontevedra

A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta do acordo en Xunta de Goberno sobre as mocións do PP e PSOE aprobadas polo pleno, entre ambos os dous grupos, sobre vías sanitarias libres de lombos e Raíña Vitoria. 

"Xa deixamos claro naquel intre que non era unha competencia plenaria decidir sobre este tipo de asuntos, que era competencia do Goberno, e hoxe tomouse coñecemento e dáse carpetazo definitivo a este asunto, unha vez lidos os informes de Secretaría onde queda claro e constancia que estes asuntos son competencia do goberno local", dixo Eva Vilaverde.

A alcaldesa en funcións lembrou que o goberno local xa manifestara no seu día o seu desacordo en seguir adiante con este asunto "que derivaría nun importante investimento de cartos públicos" en dúas accións que "van en contra de fronte do modelo de Pontevedra, co bando aprobado por alcaldía no seu día e que segue vixente" e tamén, engadiu, contra o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS) aprobado por este Concello.

No caso dos lombos, Eva Vilaverde engadiu que ademáis supoñen "un perigo para a seguridade das persoas". 

"Polo tanto, carpetazo definitivo a este asunto", dixo a alcaldesa en funcións. 

Eva Vilaverde sinalou que é unha "mágoa" que os propoñentes, os grupos municipais do Partido Popular e o Partido Socialista "que son perfectamente coñecedores de cal é a situación e que non había percorrido ningún para estas mocións", quixeran "empeñarse, obstaculizar e enredar ao funcionariado municipal", dixo, para "facer informe tras informe reiterando cuestións das que xa teñen coñecemento".