O goberno local de Ponte Caldelas dará conta aos veciños do acordo coa Xunta na PO-234

Ponte Caldelas
25 de febreiro 2017

O goberno local de Ponte Caldelas reunirase o próximo sábado, día 5 de marzo, cos veciños de Laxoso (Ponte Caldelas) e Augasantas (Cerdedo-Cotobade) e cos membros da plataforma para explicar os resultados da xuntanza celebrada esta semana co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en torno ás obras na PO-234

Xuntanza cos membros da Plataforma Non á cacicada da PO-234
Xuntanza cos membros da Plataforma Non á cacicada da PO-234 / Concello de Ponte Caldelas

O goberno local de Ponte Caldelas, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, reunirase o próximo sábado, día 5 de marzo, cos veciños de Laxoso (Ponte Caldelas) e Augasantas (Cerdedo-Cotobade) e cos membros da plataforma para explicar os resultados da xuntanza celebrada esta semana co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en torno ás obras na PO-234.

Segundo adiantou o equipo de goberno, nesta xuntanza amosarase o convenio polo que o Concello se compromete a asumir o custo das expropiacións dos terreos que non sexan cedidos gratuitamente durante o proceso de expropiacións.

Estas mismas fontes salientan que o convenio "debe ser asinado canto antes" porque prevé que a licitación das obras sexa este mesmo ano para que o Concello achegue un primeiro pago de 20.000 euros neste exercicio e a cantidade restante do proceso expropiatorio en 2018. A cifra total, segundo o texto, non pode superar o máximo de 40.000 euros.

Ponte Caldelas asumirá o custo das expropiacións "diante das dificultades para localizar aos 99 propietarios incluídos na Relación de Bens e Dereitos entregada pola Xunta e diante da esixencia unilateral da Consellería de que o Concello recollera sinaturas, sen valor legal algún, de todos e cada un dos afectados polo proxecto autonómico. Algo imposible, toda vez que algúns deles están falecidos, outros son descoñecidos e a maior parte residen fóra de Ponte Caldelas, e mesmo no estranxeiro".

PREGUNTAS NO PARLAMENTO

Os socialistas de Ponte Caldelas van impulsar varias preguntas no Parlamento de Galicia para que a Consellería aclare os criterios polos que decide en que obras da Rede Autonómica de Estradas asume as expropiacións e en cales esixe aos concellos que emprendan a recollida deste tipo de sinaturas.

Arquivado en