A situación da sanidade pública na cidade de Pontevedra e, en concreto, na Atención Primaria é un "despropósito". Así o determinaron os concelleiros que participaron na Xunta de Goberno de Pontevedra este luns, un encontro no que decidiron reclamar á Consellería de Sanidade medidas efectivas que garantan o correcto funcionamento do sistema sanitario e unha mellor atención aos pacientes.
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, sinalaba que ás veces conseguir unha cita para o médico de cabeceira é unha "odisea que pasa por colas, semanas de espera...", unha situación que finaliza cun colapso nos Puntos de Atención Continuada (PACs) dos centros de saúde.
Desde o goberno local entenden que esta situación permanece no tempo e por este motivo rexeitan as escusas de que era un problema concreto debido ás vacacións dos facultativos ou pola covid-19. Gulías lembrou que en agosto xa lle trasladaron ao conselleiro Julio García Comesaña a preocupación por este problema e aínda que desde a Xunta de Galicia realizáronse algúns anuncios, pero "todo parece que queda en mera propaganda". "A foto fixa da sanidade en Pontevedra dista moito daquelas promesas, seguimos sen médicos e sen unha atención digna", afirmou a portavoz municipal.
Por este motivo, reclaman que se poñan encima da mesa medidas efectivas e actuacións imprescindibles para garantir o correcto funcionamento da sanidade pública no municipio.