O goberno local non ve "oportuna" a parcela municipal de 12 de Novembro para crear un aparcadoiro disuasorio

Pontevedra
23 de outubro 2018

O voto contrario do grupo do BNG á proposta do PSOE de crear un aparcadoiro disuasorio nesa parcela baséase, segundo o concelleiro Demetrio Gómez, en agardar a que se realicen estudos sobre a mobilidade do tráfico e a necesidade de estacionamentos na zona

Parcela municipal en 12 de Novembro (arquivo)
Parcela municipal en 12 de Novembro (arquivo) / PontevedraViva

A comisión de Mobilidade debatía este martes a proposta do grupo municipal socialista de crear un aparcadoiro disuasorio na parcela municipal situada entre as rúas Eduardo Pondal e 12 de  Novembro. A proposta do PSOE, apoiada por Cidadáns, foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno do BNG e coas abstencións do Partido Popular e de Marea Pontevedra. 

O concelleiro de  Mobilidade, Demetrio Gómez, xustificaba esta decisión en que ao goberno local non lle parece a parcela máis "oportuna" aínda que recoñecía que a política de crear aparcadoiros disuasorios funciona.

Sinalaba que os actuais, con máis de 2.100 prazas de estacionamento, funcionan correctamente. Pero indicou que no último habilitado, creado nunha parcela da antiga Tafisa, o uso está a ser baixo. Entende que, por tanto, hai que estudar con calma onde se crean estes estacionamentos e sinalou que igual non é necesaria unha alternativa de aparcadoiro nesa zona do entroncamento entre Eduardo Pondal e A Parda.

REACCIÓN DO PSOE

Para o portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, este rexeitamento demostra que o goberno do BNG está moi "desnortado" e sinala que o alcalde Lores atópase encerrado na súa torre de marfil e cada vez está máis lonxe dos problemas cidadáns.

Os socialistas entenden que esta parcela municipal é un espazo moi aproveitable para favorecer o aparcadoiro. Tino Fernández afirma que a única razón para esta negativa é que primen os intereses de negocio de empresas privadas por encima dos intereses da veciñanza de Pontevedra. 

Os socialistas lembran que o Concello debe facilitar a vida ás persoas e apuntan a que o uso do coches para moitos é unha necesidade.

A moción será debatida no próximo pleno da corporación municipal.