O campo de herba sintética de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, foi obxecto dun novo tratamento grazas á utilización dunha máquina especializada, adquirida pola Deputación Provincial, para o mantemento deste tipo de superficies.
Dende o goberno local din estar "moi preocupados" pola "desastrosa situación" na que se atoparon o campo de fútbol, que vai camiño xa dos 11 anos de vida útil, pero que "podería ter chegado ata os 20 anos se este tipo de tratamentos se tiveran aplicado con antelación e unha regularidade anual".
Agora fíxase o obxectivo da substitución da herba sintética "a curto prazo", para o que tratará de buscar a colaboración doutras institucións, pois trátase dunha obra cun importe que pode achegarse aos 200.000 euros.
Non obstante, o campo de Chan da Barcia é utilizado a diario por máis de 300 rapaces de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes, integrantes da escola deportiva, polo que "debe ser unha prioridade".