O goberno meco aplicará "man dura" para vixiar o uso de máscaras e a celebración de 'botellóns'

O Salnés
31 de xullo 2020

Polo de agora, destaca o Concello, o verán se está caracterizando pola normalidade, a tranquilidade e a ausencia de incidentes, aínda que se teñen constancia da existencia de comportamentos inadecuados, como o non emprego de máscara ou a celebración de botellóns en zonas públicas, o que está terminantemente prohibido

Control da Policía Local do Grove nas praias
Control da Policía Local do Grove nas praias /

O Concello do Grove incorporará cinco novos auxiliares de policía para que, ao longo dos próximos meses, reforcen o persoal da Policía Local.

Estes efectivos súmanse aos xa contratados e permitirán que, durante o mes de agosto, sexan 19 as persoas que estean traballando na Policía Local, entre persoal permanente e auxiliares. 

Deste xeito poderá elaborarse un cuadrante que contará con servizo de Policía Local nocturno nas fins de semana.

Entre os principais cometidos dos efectivos incorporados están o control do uso de máscaras e do cumprimento das normas COVID, tanto nas praias como nas zonas urbanas, ademais do control de aparcadoiros e zonas peonís.

Ademais, tras unha reunión urxente mantida esta mesma mañá, os axentes comezarán a sancionar as actitudes incívicas realizadas coa pandemia.

Polo de agora, destaca o Concello, o verán se está caracterizando pola normalidade, a tranquilidade e a ausencia de incidentes, aínda que se teñen constancia da existencia de comportamentos inadecuados, como o non emprego de máscara ou a celebración de botellóns en zonas públicas, o que está terminantemente prohibido.

Advirten que non se permitirá que estas condutas se xeneralicen ou pasen impunes, aplicando man dura sobre elas e as correspondentes sancións contempladas na normativa.

A dispoñibilidade de persoal permitiu tamén crear unha brigada permanente de control medioambiental, de tal xeito que dous policías acompañados polo técnico de Medio Ambiente se encargarán de darlle maior celeridade aos expedientes de limpeza de terras que, a día de hoxe, seguen causando bastantes problemas.