O goberno municipal rexeita o plan de impulso do PP ao consideralo "desafortunado"

Pontevedra
23 de novembro 2020

As axudas aos sectores máis afectados pola covid-19 ou, como asegura o PP, a ausencia delas centrou do debate no pleno municipal que a corporación de Pontevedra celebrou este luns no Teatro Principal

Pleno municipal no Teatro Principal
Pleno municipal no Teatro Principal / Mónica Patxot

As axudas aos sectores máis afectados pola covid-19 ou, como asegura o PP, a ausencia delas centrou do debate no pleno municipal que a corporación de Pontevedra celebrou este luns no Teatro Principal.

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, lamentou que o Concello concedese "cero euros" en axudas ante a "situación crítica" na que se atopan os sectores máis afectados pola covid-19. "Tenemos un gobierno absolutamente incapaz", sinalou.

"Tienen ustedes un salvavidas y no son capaces de dárselo a la gente", engadiu Domínguez, que pediu que o goberno municipal "ayude a la gente que lo está pasando mal".

O de Pontevedra, engadiu, "es el único que ha tenido la desvergüenza de no bajar los impuestos a quienes tienen la verja cerrada". Iso provocou, engadiu o líder popular, "que no solo no ayuden, sino que asfixien".

Os afectados do Concello, concluíu, "solo reciben impuestos y gastos". Por iso, o portavoz do PP pediu a BNG e PSOE "que vuelvan a la realidad" porque considera que "es una vergüenza que no hagan nada" ante o drama que viven moitas familias.

O plan de impulso proposto polo PP recollía medidas por uns 7 millóns de euros para axudas directas a empresas e autónomos afectados pola crise, bonificacións ás contratacións fixas, axudas ao aluguer ou a supresión das taxas de veladores e lixo.

O edil non adscrito, Goyo Revenga, apoiou esta iniciativa e pediu que "todos pongamos algo de nuestra parte" antes de que Pontevedra "se convierta en un erial de comercios". 

Desde o goberno municipal, o edil César Mosquera cualificou este plan de "ocorrencia" e de "demagóxico" e defendeu o "esforzo" feito polo Concello para apoiar aos sectores afectados pola covid-19 "e máis que faremos", engadiu.

"Claro que a xente o está pasando mal e cumpriremos dentro do que nos permitan facer", asegurou Mosquera, que explicou que a pandemia supuxo un gasto de cinco millóns de euros ás arcas municipais, un 10% de todos os seus ingresos.
 
Este investimento, afirmou o concelleiro do BNG, é "infinitamente maior" do que fixo a Xunta de Galicia, á que responsabilizou de adoptar medidas, como o peche da hostalería, en base a criterios "que non hai quen os entenda".

"A hostalería non era o problema", afirmou Mosquera, a pesar do cal o goberno galego decidiu cerrala "sen ter previsto o que ía facer con ela". Se a Xunta de Galicia fixese "o mesmo esforzo" que o Concello, subliñou, "non estariamos falando disto".

O socialista Tino Fernández engadiu que as arcas municipais "non son un pozo sen fondo" e reiterou que Pontevedra "cumpre por riba das nosas posibilidades".

"Ao mellor temos que facer máis ou facelo distinto", admitiu Fernández, que censurou a actitude dos populares que "o único que fan é enredar" anunciando medidas que cualificou de "desafortunadas", mentres a Xunta "escurre o vulto". 

O portavoz do PSOE recomendoulle a Rafa Domínguez que "antes de falar das casas de outros, hai que ter moi limpa a propia", e lamentou que o portavoz do PP non teña capacidade para incluír no goberno da Xunta e actúe "como unha marioneta que non vale para nada aos cidadáns de Pontevedra".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora