O Goberno pon en valor aos GRS, unha unidade de elite da Garda Civil que cumpre 30 anos

Pontevedra
10 de outubro 2018

O delegado do Goberno en Galicia visitou as instalacións do Grupo de Reserva e Seguridade da Garda Civil en  Castrosenín e presenciou un suposto servizo no que un equipo inmobiliza a un asaltante armado, para poder coñecer a súa "capacidade humana e capacidade de resposta" 

Exercicio táctico dos GRS da Garda Civil en Castrosenín /

Os Grupos de Reserva e Seguridade (GRS) da Garda Civil cumpren este ano tres décadas de existencia desde a súa creación en 1988 e, coincidindo con ese 30 aniversario e coa semana na que este Corpo festexa á súa patroa, a Virxe do Pilar, a Delegación do Goberno en Galicia quixo poñer en valor esta unidade a nivel estatal e, en particular, a existente en Galicia, que está asentada en Castrosenín, na parroquia pontevedresa de Mourente. 

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitaron as instalacións de Castrosenín acompañados polo coronel da Comandancia da Garda Civil pontevedresa, Jorge González Veiga, e de cargos dos GRS en Pontevedra. 

Durante a estancia nas instalacións visitaron unha exposición do material e medios que utilizan estes axentes nos seus adestramentos e intervencións diarias, en especial os relativos á área de NRBQ, utilizados en casos relacionados coa defensa de incidentes de tipo nuclear, radiológico, biolóxico e químico.

Ademais, presenciaron unha demostración dun exercicio táctico referido ao Plan Específico de Instrución, relativo á neutralización inmediata dun atentado por parte dun suposto terrorista que atenta contra as persoas, para poder coñecer a súa "capacidade humana e capacidade de resposta". 

Losada explicou que "como delegado do goberno en Galicia quería poñela en maior coñecemento por parte dos medios de comunicación para trasladalo á cidadanía", pois considera que é unha "unidade de elite" cuxo funcionamento se descoñece e o seu traballo para incrementar a seguridade da cidadanía, pois "garante os momentos máis difíciles, máis dificultosos e de maior necesidade de persoal preparado"

En xeral, o delegado do Goberno quere que os cidadáns saiban que todos os integrantes da Garda Civil "velan en todo o territorio pola coordinación, pola integración do territorio nacional, pola defensa das liberdades e da seguridade"

Os GRS son a principal principal unidade da Garda Civil para a defensa da orde pública nas grandes concentracións de persoas, a protección e seguridade de personalidades e colabora en casos de grave risco ou catástrofe, encargándose ademais de reforzar o servizo das unidades territoriais da Garda Civil en aspectos como a loita contra os incendios.

Entre as súas últimas actuacións en Galicia destaca a súa participación na macro redada antidroga realizada a pasada semana no poboado do Vao e o reforzo da seguridade contra os incendios forestais. Tamén é habitual a súa participación na loita contra o narcotráfico, sempre dentro dos seus labores fundamentais para garantir a orde e a seguridade das persoas.