O grao en Deseño estréase no campus de Pontevedra con 52 estudantes

Pontevedra
08 de setembro 2023

O sistema universitario galego estreará unha soa titulación durante este curso. É no campus de Pontevedra. Despois de que a tramitación administrativa atrasara a súa posta en marcha, o grao en Deseño xa é unha realidade palpable. No seu primeiro ano terá 52 estudantes

Acto de benvida dos primeiros estudantes do grao en Deseño
Acto de benvida dos primeiros estudantes do grao en Deseño / Universidade de Vigo

O sistema universitario galego estreará unha soa titulación durante este curso. É no campus de Pontevedra. Despois de que a tramitación administrativa atrasara a súa posta en marcha, o grao en Deseño xa é unha realidade palpable. No seu primeiro ano terá 52 estudantes.

Preto do 90% desta primera promoción son mulleres, segundo os datos da Universidade de Vigo, que subliña que as clases impartiranse nun dos andares cedidos pola Xunta no seu edificio administrativo en Benito Corbal. Será de xeito provisional a sede da Facultade de Deseño.

O grao, segundo o seu decano comisario, Marcos Dopico, estreouse cunha "boa acollida" en canto a matrícula e demanda. Todo o alumnado compartiu xa a súa primeira xornada, na que coñeceron as instalacións e o funcionamento do centro.

Esta acollida "cando apenas tivemos tempo de facer ningunha promoción", engadiu Dopico, demostra que "non nos equivocabamos á hora de impulsar un novo grao destas características".

O decano lembra que Deseño impúlsase sobre os "cimentos sólidos" dun campus cuxo proxecto de especialización xira en torno á creatividade, polo que destacou que haberá "sinerxías positivas" as diferentes titulacións, consolidando o Campus Crea como referencia.

Procedentes de Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol, respectivamente, Esther Pontevedra, Jairo García e Alicia Santos son tres dos integrantes desta primeira promoción.

"Asusta, pero tamén fai ilusión ser os primeiros que entramos aquí", recoñeceu Jairo ao Diario da Universidade de Vigo. Tras rematar o bacharelato, optou por incluír unicamente este grao na súa preinscrición para iniciar estudos universitarios porque "non queria facer outra cousa".

Tíñao tamén claro Alicia Santos, para quen esta titulación era a súa primeira opción. "A verdade é que estaba asustada, pero leveime moi boa impresión" explicou esta estudante, que chega a Pontevedra coa idea inicial de especializarse en deseño dixital.

Por outra banda, o seu interese pola fotografía e o audiovisual ligado á moda foi un dos factores que levou a Esther Pontevedra a matricularse neste grao, que agarda que lle permita "entender mellor o campo da moda á hora de facer fotografía".

DOUS ANOS DE FORMACIÓN E DÚAS ESPECIALIDADES

Formar deseñadores integrais, capaces de xerar proxectos que teñan en conta múltiples procesos e soportes comunicativos é o obxectivo desta nova titulación, que conta cunha formación común nos dous primeiros cursos, centrada nas bases e fundamentos do deseño.

A partir de aí, o alumnado terá que escoller entre as súas dúas especialidades, deseño gráfico e dixital e deseño de moda

O seu primeiro curso impartirase integramente na sede de Benito Corbal e "a medida en que se implanten os seguintes, teremos que compartir recursos e espazos" con Belas Artes, explica o decano.

De feito, o Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda seguirase impartindo en Belas Artes, onde está previsto que se impartan tamén as materias do grao relacionadas coa especialidade de moda, "ata que exista unha sede definitiva".