O Grove abrirá un novo vial para conectar Monte da Vila coa rúa Castelao

O Salnés
11 de xullo 2018

O goberno municipal do Grove xa ten nas súas mans o proxecto técnico para a construción dun vial que conectará o Monte da Vila coa rúa Castelao. Esta nova rúa partirá do lateral da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e busca desenvolver esta zona urbana de cara á construción do novo auditorio

Proxecto da nova rúa entre Monte da Vila e Castelao Concello de O Grove

O goberno municipal do Grove xa ten nas súas mans o proxecto técnico para a construción dun vial que conectará o Monte da Vila coa rúa Castelao, unha das máis céntricas do municipio.

Esta nova rúa partirá do lateral da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e busca desenvolver esta zona urbana de cara á construción do novo auditorio.

Trátase dunha das obras máis importantes na xestión urbanística do Grove da última década, xa que segundo o Concello, supón unha solución importante para a zona do Monte da Vila e para o acceso ás infraestruturas deportivas e culturais da vila.

Por unha banda, xa se está ultimando o convenio co club Breogán para a cesión dos terreos necesarios para abrir a primeira parte da rúa, xunto cunha parcela adicional duns 600 metros cadrados, a cambio de dotar o resto de terreo con edificabilidade.

A segunda parte do enlace, entre a rúa As Bouzas e Castelao, conta xa co proxecto técnico. Contempla beirarrúas e as correspondentes medidas de accesibilidade e tense mellorado as zonas de xiro para ter en conta a correcta mobilidade dos autobuses na zona.

Este proxecto ten orzamento que supera os 400.000 euros, aportado a través do préstamo de 1,5 millóns de euros solicitado polo Concello. 

O goberno agarda que a construción desta nova rúa poida iniciarse a finais de ano e incluso levarse de xeito coordinada coas obras do auditorio do Monte da Vila.