O Grove confía en poñer a primeira pedra do futuro auditorio en setembro

O Salnés
10 de xullo 2018

O futuro auditorio do Grove, que estará situado no Monte da Vila, estará en construción tras o verán. Ese é, polo menos, o calendario que baralla o goberno municipal. O alcalde confía que, ante o interese das empresas construtoras por este proxecto, a primeira pedra deste equipamento poida colocarse xa no mes de setembro

Visita á parcela que acollerá o futuro auditorio do Grove Deputación de Pontevedra

O futuro auditorio do Grove, que estará situado no Monte da Vila, estará en construción tras o verán. Ese é, polo menos, o calendario que baralla o goberno municipal. O alcalde confía que, ante o interese das empresas construtoras por este proxecto, a primeira pedra deste equipamento poida colocarse xa no mes de setembro.

O auditorio terá un custe de 4,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegará dous, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos. Así o destacou a presidenta, Carmela Silva, que este martes visitou os terreos nos que se construirá, en compañía do rexedor da vila, o socialista José Cacabelos.

Esta nova infraestrutura cultural, segundo declarou Silva, está pensada para dar cumprimento a unha demanda histórica do Grove, que leva máis de corenta anos agardando por un auditorio para dar cabida aos eventos culturais na vila.

O auditorio multiusos, que contará tamén con espazos para a escola de música, é un proxecto "moderno, vangardista e innovador", dixo a presidenta, que destacou que ademais "pensa tamén no futuro", xa que permitirá urbanizar e acondicionar unha zona importante do Grove

Así, a construción do auditorio vai mellorar e integrar o espazo de Monte da Vila con novas vías, apostando pola accesibilidade -aínda que polo momento queda descartado o ascensor desde o pavillón municipal- e situando ás persoas no centro da súa configuración urbana. 

Cacabelos explicou que nestes momentos o proxecto do auditorio atópase en proceso de licitación. "Onte había 41 empresas que tiñan consultado os pregos así que agardo que no mes de setembro poidamos vir ata aquí a poñer a primeira pedra e comezar a facer realidade un sono que levamos esperando máis de 40 anos", manifestou o alcalde.

O rexedor lamentou que o investimento da Xunta neste auditorio sexa de "cero euros", a mesma situación que vive o municipio con respecto ao demandado centro de día que, recordou, depende "exclusivamente" de que o goberno galego "nos aprobe un plan especial"

"Despois de tanto tempo, de presentar todas as modificacións que nos pedían, nos escriben o outro día para pedir outras oito cousas máis... soamente falta o informe da Axencia Espacial Europea para poñer en marcha o centro de día", ironizou o alcalde do Grove.