O Grove terá dobre sentido de circulación en Beiramar antes de final de ano

O Salnés
21 de outubro 2020

É a previsión que manexa o alcalde, José Cacabelos, que visitou estas obras de desdobramento para comprobar o avance da primeira fase dos traballos. Esta actuación suporá un cambio fundamental na circulación, xa que permitirá que O Grove conte cunha 'semicircunvalación' e reducir o tránsito no centro da vila

Visita do alcalde do Grove, José Cacabelos, ás obras da avenida de Beiramar

Se as obras continúan ao ritmo habitual, a avenida de Beiramar do Grove terá un dobre carril de circulación, un para cada sentido, antes de que remate este ano.

É a previsión que manexa o alcalde, José Cacabelos, que visitou estas obras de desdobramento para comprobar o avance da primeira fase dos traballos.

Esta actuación suporá un cambio fundamental na circulación, xa que permitirá que O Grove conte cunha 'semicircunvalación', de tal xeito que se reduza o tránsito no centro da vila.

Así, se prevé contar cunha localidade máis saudable en termos de ruído e contaminación e reforzar o carácter comercial das rúas do centro urbano.

Durante a visita, o rexedor comprobou que o firme da calzada non se atopa en bo estado, polo que se planificou un reforzo do asfaltado para evitar problemas futuros.

As obras supuxeron tamén a talla dalgunhas árbores debido a necesidades do proxecto para manter os aparcadoiros da contorna e a mellora de todas as canalizacións.

Ademais, o Concello estudará actuar sobre a zona da coñecida como Fonte dos Cabalos, xa que se trata dunha zona moi pouco aproveitada para os peóns e como zona de tránsito. Será, en todo caso, en próximas intervencións.