O Hospital de Día de Montecelo funciona xa con horario ampliado polas tardes

Pontevedra
12 de febreiro 2024

A ampliación de horarios conlevou a incorporación dunha enfermeira e unha técnica en coidados auxiliares de enfermería máis

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo

O Hospital de Día de Montecelo está a funcionar xa desde a semana pasada con horario ampliado durante as tardes de forma que está operativo de 14.00 a 21.00 horas. Esta ampliación do servizo permite citar a uns doce pacientes máis e dar continuidade aos tratamentos ambulatorios derivados das mañás. De igual forma evítanse ingresos innecesarios e redúcense os reingresos.

O Hospital de Día dá asistencia ás especialidades de Hematoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía, Medicina Interna, Pneumoloxía, Uroloxía e Cirurxía Vascular. Recibe igualmente pacientes que se derivan de Atención Primaria, Hospitalización a Domicilio e Urxencias.

A prestación asistencial a demanda, isto é, inicios de tratamentos inmediatos procedentes de consultas ou pacientes que son dados de alta, obrigaba a demorar o horario matinal máis aló das tres da tarde. Coa ampliación horaria tamén se aumentou o cadro de persoal cunha enfermeira e unha técnica en coidados auxiliares de enfermería máis, que se suman aos cinco profesionais que atendían este servizo.

Desde a supervisión de Enfermería sinálase que o servizo de Dixestivo será un dos máis beneficiados por esta ampliación e axilizará as listas de espera.