O servizo de Pneumoloxía da área sanitaria xa pode formar médicos internos residentes

Pontevedra
29 de febreiro 2024

Esta especialidade súmase a outras trinta acreditacións docentes que xa se imparten na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés 

O doutor David Barros Casas, a enfermeira Dolores Otero Balboa e o doutor Enrique Temes Montes
O doutor David Barros Casas, a enfermeira Dolores Otero Balboa e o doutor Enrique Temes Montes / Sergas

A área sanitaria de Pontevedra e Salnés suma xa trinta e unha acreditacións docentes para formar médicos internos residentes. Esta cifra acaba de incrementarse coa consecución da acreditación para unha unidade docente no Servizo de Pneumoloxía.

Dita formación estará supervisada polo doutor Enrique Temes Montes como xefe do Servizo e do doutor David Barros Casas, como coordinador da docencia.

Temes Montes apuntaba tras coñecerse esta nova acreditación, que é un recoñecemento merecido "por todo o Servizo en conxunto" e que "oferta boas alternativas aos futuros residentes", apuntando por exemplo que a Unidade de Asma ten acreditación de excelencia por parte da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica e espérase conseguila tamén na Unidade de Broncoscopias.

O programa formativo - do que se poderá beneficiar unha praza en 2025 -, incluirá rotacións internas polas áreas de Pneumoloxía e por outras especialidades como Medicina Interna, Cardioloxía, Unidade de Coidados Intensivos e Coidados Respiratorios Intermedios.

Tamén en Atención Primaria e durante o segundo ano en Cirurxía Torácica do Complexo Hospitalario de Santiago.