Case mil pacientes están a ser tratados en Pontevedra por sufrir asma grave e, entre todos eles, un centenar está a tratamento con algún fármaco biolóxico.
Así o desvelou a área sanitaria de Pontevedra, que destaca que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra conta coa única unidade de asma multidisciplinar acreditada pola Consellería de Sanidade dentro da rede de hospitais públicos de Galicia.
Leva en funcionamento catro anos para atender unha patoloxía que, segundo os datos oficiais, afecta arredor do 10% da poboación adulta dos países occidentais e ata un 15% da infantil.
O doutor Adolfo Baloira, xefe da sección de Pneumoloxía e responsable desta unidade de asma, explica que a asma é unha enfermidade que produce moita sintomatoloxía e dificultade respiratoria, con crises que aparecen de súpeto e de xeito impredicible.
De feito, aínda na actualidade esas crises de asma poden ser causa de morte, pero, matiza o especialista, "son evitables" grazas a que existen "excelentes tratamentos para asmáticos", entre eles os fármacos biolóxicos, "que actúan bloqueando receptores celulares moi concretos".
Estes tratamentos, segundo o doutor Baloira, "practicamente non teñen efectos adversos”.
Con motivo do Día Mundial da Asma, que se celebra o martes 7 de maio, a área sanitaria organizará unha xornada de portas abertas para coñecer o funcionamento desta unidade. Será ás 13:30 horas no Hospital Montecelo.
Terá un formato de mesa redonda e levará por nome Achegándonos á patoloxía dende unha unidade de asma grave.
A presentación correrá a cargo do propio Adolfo Baloira. En canto aos poñentes, participarán o doutor Christian Anchorena, médico do servizo de Pneumoloxía; a doutora Tania Liñares, do servizo de Alerxia; e o doutor Carlos Crespo, xefe do servizo de Farmacia.
Os especialistas falarán dun xeito xeral da patoloxía da asma grave e do funcionamento da unidade multidisciplinar do CHUP. E pola parte dos doentes, contarase coa colaboración de enfermos que aportarán a súa experiencia cos tratamentos aplicados na actualidade.