O humorista Xosé Antonio Touriñán, pregoeiro da Festa do Lacón con grelos de Cuntis

Umia
02 de marzo 2019

O domingo 10 de marzo vai celebrarse esta festa con múltiples actuacións musicais e con actividades relacionadas co Entroido co velorio e o enterro do Chapante

Lacón con grelos
Lacón con grelos / Concello de Cuntis

O coñecido humorista Xosé Antonio Touriñán, moi popular polas súas aparicións en diversos programas da Televisión de Galicia como Land Rober ou Luar, será o encargado da lectura do pregón o vindeiro domingo 10 de marzo en Cuntis na celebración da Festa do Lacón con grelos.

No programa de actividades facilitado polo goberno local de Cuntis indícase que a actividade se iniciará ás 11.30 horas coa actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis coa súa banda de acordeóns. Á mesma hora abrirase a  Feira de artesanía e de produtos agroalimentarios.

Ao mediodía abrirase unha nova edición da mostra 'A camelia no lacón con grelos', con máis de cen metros de exposición. Tamén estará aberta a mostra sobre as "tellas decorativas", de Manuel Viéitez na Casa da Cultura e unha de cerámica de Castro Landín. A elas súmase a XI edición da Mostra de Encaixe a cargo das Palilleiras co lacón con grelos.

Ás 12.15 horas comezará o pregón a cargo de Touriñán para dar paso á XI Vespalacón, con saída da praza de Galicia. Acto seguido terá lugar o desfile do  Entroido tradicional de Madamitas e Madamitos do Concello de Entrimo.

Ás 13.15 horas será a quenda da actuación de Bandas de Gaitas As Portelas de Lubián, que será antesala á comida popular. As reservas pódense realizar ata o 6 de marzo. Durante a comida actuará o grupo The Bichos Jazz Band.

Ao longo da tarde abrirase a carpa de  obradoiros para escolares con inchables e xogos, ademais dun espectáculo infantil a cargo de Barafunda Teatro. 

Ás 17.00 horas chegará a actuación da Xaiba e o concerto da conxunto Banda de Música Xuvenil de Cuntis coa Banda  Escola de Música de Vilaboa. A Banda dá Loba ofrecerá un recital a partir das 18.30 horas.

A festa finalizará co Velorio do Chapante e o seu posterior enterro.