En galego hai un mundo de cousas boas. Ese foi o tema sobre o que tiveron que discutir os oito equipos participantes da final galega do Club de Debate, celebrada este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Pero só un deles podía ser o gañador e a vitoria foi para o IES Xulián Magariños de Negreira, o equipo mellor valorado polo xurado.
Foi nunha disputada final na que quedaron segundos os representantes do IES de O Carballiño e terceiros os do IES Luís Seoane de Pontevedra.
O resto dos participantes foron o IES Leixa de Ferrol, o IES Isidro Parga Pondal de Carballo, o CPR Fogar de Santa Margarida da Coruña, o Liceo La Paz da Coruña e os Miudiños do IES de Ames. Todos eles pasaran as roldas preliminares, nas que participaron 87 equipos en total.
O premio para o equipo gañador foi unha viaxe multiaventura dunha fin de semana a Penacova (Portugal), con contidos culturais, para un máximo de 20 persoas.
Cada un dos equipos estaba formado por entre 4 ou 10 rapaces de 3º ou 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre menores de 18 anos. Os equipos foron mixtos e coordinados por un preparador que é un docente do centro de ensino.
O Club de Debate é unha iniciativa organizada a través dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) de once concellos galegos: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo.
É un programa co que se incentiva o uso do galego oral en contextos formais e informais e o pensamento crítico.