O impacto mediático da Festa do Carneiro ao Espeto chegou a 1,1 millóns de persoas

Umia
05 de agosto 2019

O certame xenerou un elevado volume de negocio no comercio e na socioeconomía local froito da súa asistencia récord de 23.000 persoas

Asado dos carneiros Concello de Moraña

O Concello de Moraña xa dispón dunha avaliación inicial do resultado da 50º Festa do Carneiro ao Espeto, que tivo lugar a pasada fin de semana cunha asistencia récord de 23.000 persoas, e na mesma recóllese que esta cita gastronómica chegou a algo máis de 1,1 millóns de persoas polo gran impacto mediático acadado en España.

Así mesmo, seguen a avaliarse outros datos referentes á festa, que xerou un "elevadísimo volume económico" e impulsou "unha sinerxia moi favorable na socioeconomía local de decenas de miles de euros".

"Estes primeiros datos que manexamos demostran que o Carneiro ao Espeto, ademais dunha festa moi importante e de ser un dos nosos principais sinais de identidade, é un gran xenerador económico para o noso concello e por iso imos seguir traballando nesta liña para que siga a beneficiar aos nosos veciños", explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.

FESTIVOS LOCAIS PARA 2020

Moraña muda os festivos locais para 2020, xa que os tradicionais de Santa Xusta e Santa Lucía caerán en domingo.

O pleno fixa como festivos o 25 de febreiro, Martes de Entroido, e o 6 de agosto, correspondente co patrón de San Salvador de Saiáns.