O inesperado testemuño da muller do socio de Pelopincho pecha o xuízo pola súa desaparición

Pontevedra
17 de outubro 2019

A Fiscalía mantén a súa petición de 10 anos de condena para os acusados Manuel Sineiro, "Machucho"; Fernando Suárez, "O Pirata"; José Manuel F.T. e Juan José C.G. por un delito de detención ilegal agravada. 

Catro acusados da desaparición forzosa de José Bernardo Villaverde Amil
Catro acusados da desaparición forzosa de José Bernardo Villaverde Amil / Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra catro arousáns acusados da desaparición no ano 2010 do narcotraficante José Bernardo Villaverde Amil, socio de José Antonio Pouso Rivas, alias "Pelopincho".

A Fiscalía mantén a súa petición de dez anos de condena para os acusados Manuel Sineiro, "Machucho"; Fernando Suárez, "O Pirata"; José Manuel F.T. e Juan José C.G. por un delito de detención ilegal agravada. 

As defensas dos acusados piden a libre absolución dos seus patrocinados, entendendo que non existe proba algunha contra eles. Ademais esgrimen a existencia de dilacións indebidas na resolución desta causa.

O longo periplo xudicial deste caso concluíu hoxe tras a inesperada declaración da última persoa que viu a Villaverde Amil e aos seus captadores, a súa esposa Viviane D.O., que compareceu por videoconferencia desde Bolivia.

O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, recoñeceu ante o tribunal que "con toda humildad para nosotros ha sido toda una sorpresa que apareciese Viviane" despois de numerosos intentos errados de localizar a esta muller.  "Estaba convencido de que había sufrido el mismo destino que su marido", afirmou o fiscal.

Nun duro interrogatorio por parte dos letrados das defensas, a testemuña crave deste suposto rapto ratificou os termos da denuncia que presentou o día da desaparición ante a Comisaría de Pontevedra.

Así, explicou durante a vista oral que aquel 19 de novembro de 2010, sobre as 12 da noite, acudiron á súa casa dous vehículos, que dun deles saíu "Machucho" para recoller ao seu marido e que se foron en dirección a Santiago no coche de Viviane, un Volkswagen Beetle que apareceu calcinado máis tarde nos arredores de Santiago de Compostela.

Viviane explicou que conseguiu falar por teléfono co seu marido pola tarde do día seguinte e que este a tranquilizou dicíndolle que chegaría a casa máis tarde.

Viviane afirmou que días máis tarde "Machucho" chegoulle a dicir "que entregase los niños a sus abuelos y me fuese a mi país, que mi marido ya no volvería". A esposa de Villaverde declarou que, a día de hoxe, "yo creo que mi marido está muerto, le sigo buscando para tener su cuerpo y un sitio donde llorar".

Os posicionamentos e as escoitas dos seus teléfonos móbiles, picados pola Policía no marco dunha operación contra o narcotráfico, localizan aos acusados primeiro en Pontevedra e ao día seguinte en Vimianzo.

O fiscal Aladro admite que o caso é "complicado" pero no seu informe final ha insistido en que "estamos ante un claro delito de detención ilegal" no que "tenemos causa, razón, medios y la intervención de las personas que se sientan en el banquillo" con numerosas "pruebas indiciarias".

O fiscal enmarcou este caso como unha consecuencia dunha operación errada de narcotráfico da organización liderada por Pelopincho e Villaverde Amil, na que perderon un cargamento de 4.000 quilos de haxix dunha organización marroquí que estaba a ser transportado na vella gabarra "Garbi III" que naufragou fronte á costa portuguesa.