O inventario de todos os camiños de Cerdedo xa está en mans do goberno local

Cerdedo Cotobade
10 de xuño 2020

O  Concello de Cerdedo-Cotobade quere coñecer a titularidade de todo o viario do municipio para coñecer en que estradas ten competencias para planificar obras de mellora

Jorge Cubela estuda o inventario de camiños de Cerdedo
Jorge Cubela estuda o inventario de camiños de Cerdedo / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade recibe o inventario completo da rede e a titularidade das pistas e camiños municipais correspondentes co territorio de Cerdedo co obxectivo de coñecer con exactitude cales son as vías da súa competencia para poder definir a súa responsabilidade e plans de mellora nas mesmas.

O goberno local encargou este servizo de inventario a comezos de febreiro, cun orzamento global de 15.000 euros, a un equipo especializado e externo conformado por persoal de enxeñería e informática e despois de catro meses a primeira fase do plan concluíuse coa entrega do documento. 

Agora será o executivo municipal o que, tras unha reunión inicial de análise celebrada este mércores, vai perfilar o contido deste inventario corrixindo algúns excesos, como vías privadas ou en desuso, e a posible inclusión dalgunhas que puideran quedar fóra do expediente. Posteriormente, abrirase o correspondente período de exposición pública para que a veciñanza poida consultalo e formular as correspondentes alegacións. O obxectivo é aprobalo definitivamente leste mesmo ano.

"Xa dispoñemos do inventario de camiños municipais correspondente coas 13 parroquias de Cotobade e, dada a súa utilidade, agora pretendemos acometer o mesmo estudo no territorio de Cerdedo para unificar esta documentación e favorecer a programación de obras", explicou o alcalde, Jorge Cubela.

"Poden xurdir dúbidas con moitos camiños, ben porque pertenzan a outras administracións, parcelarias ou propietarios privados, e por iso queremos saber con exactitude sobre que vías somos responsables e correspóndenos actuar”, xustificou o rexedor.