A Universidade de Vigo organizou por primeira vez en Pontevedra unha feira para achegar á cidadanía o traballo do seu persoal investigador e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade.
Ademais, con esta actividade buscouse tamén contribuír ao fomento de vocacións científicas.
A expo-feira ‘A ciencia que vén’ ocupou a praza da Ferraría con 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofreceron unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar para achegarse á bioloxía, á enxeñaría ou á historia.
Houbo presentacións de libros, un coloquio sobre a alimentación do futuro e mesmo un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática.
Exhibicións cunha cámara termográfica, análises de mostras de tratamento de augas, aplicacións clínicas de biomateriais, a construción dunha dobre hélice de ADN con gominolas, púdose visualizar a estrutura do ADN a partir dun anaco de plátano, houbo unha exhibición de pequenos satélites realizando manobras de balanceo, fixeron réplicas en escaiola de fósiles, foron algunhas das actividades levadas a cabo durante esta xornada.
Física, bioloxía, enxeñaría, telecomunicacións, historia e medio ambiente constituíron as liñas temáticas desta expo-feira que outorgou especial importancia ao papel da muller na ciencia e na investigación.