O lecer nocturno da Hostalería de Pontevedra pide á Xunta un plan de rescate

Pontevedra
15 de setembro 2020

Piden medidas de apoio á estrutura empresarial sectorial con recursos a fondo perdido, bonificacións fiscais e medidas de financiamento e liquidez para afrontar os vencementos a curto prazo, ampliación de tres anos nos períodos de carencia da financiación recibida pola COVID-19 e ata 8 anos para a amortización do principal, co aval da Xunta

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e Julio Comesaña, conselleiro de Sanidade durante o encontro co sector do lecer nocturno
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e Julio Comesaña, conselleiro de Sanidade durante o encontro co sector do lecer nocturno / Xunta de Galicia

José Luis Asenjo, vicepresidente de Lecer Nocturno de Hostalería de Pontevedra mantivo un encontro con portavoces de asociacións de establecementos de lecer nocturno para analizar a problemática que supón o peche na comunidade dos seus locais. A este encontro tamén asistía Afonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, ademais do conselleiro de  Sanidade Julio Comesaña e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, ademais de representantes do IGAPE e do SERGAS.

Os representantes do sector hostaleiro reclama ao goberno galego a posta en marcha dun plan de rescate que recolla diversas actuacións para rebaixar o impacto que a crise provocada pola Covid-19.

Reclaman medidas de apoio á estrutura empresarial deste sector achegando recursos a fondo perdido, a cargo dos orzamentos das Consellerías de Cultura e Turismo e da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Con esta acción buscan financiar os gastos fixos de arrendamentos e gastos da Seguridade Social que afrontan as empresas.

Tamén piden medidas de financiamento e liquidez para afrontar os vencementos a curto prazo; unha ampliación de tres anos nos períodos de carencia do financiamento recibido pola Covid-19 e ata oito anos para a amortización do principal. Para isto reclaman que a Xunta avale o 80% das operacións.

Engaden a estas peticións a adopción de bonificacións fiscais en impostos municipais, reclamando a mediación da FEGAMP, coa condonación do Imposto de Actividades Económicas e o imposto do IBI. Os dous están a gravar actividades, sinalan, que non se poden realizar.

Por último solicitan a eliminación do pago do termo de potencia fixa contratada no recibo do consumo eléctrico, a través da modificación da normativa da  tarificación eléctrica.

Estableceuse un  calendiario de reunións semanais entre o sector e a Consellería de Sanidade para estudar as condicións de reapertura das actividades segundo a evolución da pandemia. Desde a colectivo Hostalería de Pontevedra consideran positiva a actitude dialogante por parte dos representantes da Xunta e esperan que se poidan atender as súas demandas.